imaxe_3955.jpg

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Cultura, Educación e Universidade, ven de asinar un convenio coa Universidade da Coruña para que oito alumnos, titulados en Biblioteconomía, Documentación, ou Información e Documentación, realicen as súas prácticas profesionais remuneradas cunha bolsa de doce meses de duración nas tres bibliotecas (7 persoas) e no Arquivo Municipal de Ferrol (1 persoa).

O concelleiro de Educación e Universidade, Suso Basterrechea, daba conta do convenio asinado neste mes de decembro nunha rolda de prensa este mediodía coa vicedecana da UDC, Rocío Ameneiros. O importe total do convenio, asinado por dous anos e prorrogable a vontade das partes, ascende a 85.221,12 euros e a remuneración mensual de cada un dos bolseiros durante o ano de prácticas será de 850 euros.

A vicedecana salientaba hoxe o interese da Universidade en procurar a inserción dos titulados no seu ámbito profesional específico, abrindo o camiño de acceso ao mercado laboral, unha vez rematada a súa formación e agradeceu especialmente a “ocupación e a preocupación” por levar este convenio a porto que amosou, repetidamente, o concelleiro.

Mentres, pola súa banda, Basterrecha, facía hoxe fincapé na importancia de tecer redes entre a cidade e o seu campus, como “reencontro de Ferrol coa Universidade”, na aposta pola formación dos alumnos e por reforzar un servizo tan esencial como son as bibliotecas públicas.

Mais información:

 

programa_IV_XornadasDocumentacion2017.png

O xoves 14 e venres 15 de decembro de 2017, ás 17:00, no Salón de Actos do Ateneo Ferrolán sito na rúa Madalena 202-204 de Ferrol, terán lugar as IV Xornadas de Documentación do Ateneo Ferrolán dedicadas aos medios de comunicación social, medios sociais.

O desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación supón un cambio no paradigma comunicativo, configurando un novo sistema de información nos medios convencionais ao incorporar unha nova interacción coa sociedade, unhas novas redes sociais.

A presente voracidade informativa evidencia a importancia do manexo, directa ou indirectamente, das técnicas documentais, e son os profesionais que, grazas a súa formación e as habilidades adquiridas na praxe laboral, fan fronte ao vórtice informativo demandado polas masas.

Polo tanto, achegar á cidadanía a realidade cotiá do traballo das institucións e profesionais dos medios de comunicación social, constitúe a finalidade das IV Xornadas de Documentación do Ateneo Ferrolán.

Non é precisa inscrición. A asistencia é libre e gratuíta, até completar o aforo do salón de actos.

As persoas interesadas poden obter un diploma de asistencia escribindo a biblioteca@ateneoferrolan.org indicando nome completo, apelidos e DNI antes do 14 de decembro. É imprescindíbel asinar as follas de control ao comezo das sesións para verificar a asistencia efectiva do/a interesado/a e aboar 5 euros por gastos de xestión na Secretaría do Ateneo Ferrolán ao recibir o diploma.

Mais información na web do Ateneo Ferrolán.