Imagen

De esquerda a dereita, Julieta Vélez Lacour, Antía Rodríguez Porto e Sara Veiguela Meignen

As alumnas do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Julieta Vélez Lacour, Antía Rodríguez Porto e Sara Veiguela Meignen, acadaron o primeiro premio do Concurso de Vídeos “Móvete polos ODS” que promove a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) co obxectivo de mobilizar e comprometer ás persoas participantes e ao resto na sociedade fronte aos grandes retos mundiais como poden ser o cambio climático, as desigualdades sociais e de xénero, a perda da biodiversidade ou mesmo a escaseza de auga. O vídeo elaborado por estas tres estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación, “Fashion Victims”, conseguiu sumar o maior número de likes na canle de You Tube do concurso onde se publicaron os 19 vídeos participantes.

Imagen

De esquerda a dereita, Eva Castro Vilaboy, Noa Alonso Pérez e Carla García Touriño

A maiores, outras tres alumnas do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Eva Castro Vilaboy, Noa Alonso Pérez e Carla García Touriño, acadaron o terceiro premio neste mesmo certame co vídeo “Qué quieres ser?”. As gañadoras do primeiro premio recibirán 550 euros e as do terceiro 200 euros.

Imagen

De esquerda a dereita, Lucía Sánchez Domínguez, Sabela Seco Pérez e Camila Ros Torres

Pola súa banda, o xurado do Concurso de Vídeos “Móvete polos ODS” outorgoulle o Premio á Innovación, dotado con 400 euros, ao vídeo “Moda por el clima” elaborado por outras tres alumnas do segundo curso do grao en Xestión Industrial da Moda, Lucía Sánchez Domínguez, Sabela Seco Pérez e Camila Ros Torres. Nesta ocasión, o xurado valorou moi positivamente o axuste á temática do concurso, a súa orixinalidade e creatividade así como a súa calidade técnica.