(Aprobado pola Xunta de Facultade o 19 de novembro de 2021)
Exposición de motivos
O Regulamentos de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade da Coruña, no seu artigo 29.1, indica que lles corresponde aos centros e titulacións, baixo a ordenación legal vixente e o establecido neste regulamento, o deseño, a promoción, a xestión académica e a avaliación das prácticas externas curriculares e extracurriculares do seu alumnado.
O párrafo segundo do devandito regulamento indica que a Xunta de Centro regulará as prácticas externas curriculares e extracurriculares das titulacións que lle competan, para isto aprobará o regulamento ou regulamentos que precise. Nesa normativa definiranse, polo menos, os seguintes puntos:
a) O procedemento de oferta e difusión das prácticas externas entre o alumnado ao que sexan destinadas, que se axustará ao recollido no punto 4 do artigo 17 do RD 592/2014.
b) O procedemento de adxudicación ao alumnado de prácticas e da entidade colaboradora en que se realizarán as prácticas.
c) O procedemento de adxudicación do profesorado titor académico das prácticas.
d) As responsabilidades na realización e aprobación do proxecto formativo de cada práctica a que se refire o artigo 6 do RD 592/2014.
e) O proceso para realizar e entregar os informes e a memoria final a que se refiren os artigos 13 e 14 do RD 592/2014.
f) O proceso para avaliar e cualificar as prácticas externas curriculares.
Na súa virtude a Xunta de Facultade da Facultade de Humanidades e Documentación aprobou o presente documento.
1 Obxecto e ámbito de aplicación
1.1 O obxecto do presente regulamento é establecer o procedemento a seguir na xestión das prácticas externas curriculares e extracurriculares das diferentes titulacións de Grao e Mestrado que se imparten na Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña (en diante, o Centro), dentro do marco establecido no artigo 29.2 do Regulamento de prácticas académicas externas do estudantado da Universidade da Coruña.
1.2 As prácticas externas teñen por obxecto permitir ao estudantado a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos durante a súa formación académica e facilitar a súa posterior incorporación ao mercado laboral. Deben ter sempre un carácter formativo, polo que non poderán supoñer a cobertura de ningún posto de traballo estrutural na empresa que oferta a práctica.
1.3 As prácticas externas non supoñen, en ningún caso, unha relación laboral, contractual ou estatutaria dos estudantes coa Empresa, nin coa Universidade.
2 Normativa de aplicación
2.1 As prácticas externas (curriculares e extracurriculares) do Centro se rexerán polo presente Regulamento e polas seguintes normas:
- Real Decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade.
- Estatuto do Estudante Universitario aprobado polo Real Decreto 1971/2010, do 30 de decembro.
- Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na Disposición Adicional Terceira da Lei 27/2011 do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.
- Real Decreto-Lei 8/2014 de 4 xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. Disposición Adicional Vixésimo Quinta.
- Real Decreto 592/2014, de 11 de xullo, polo que se regulan as prácticas académicas externas dos estudantes universitarios.
- Regulamento de prácticas académicas externas do alumnado da Universidade da Coruña, aprobado no Consello de Goberno do 23 de abril de 2013 e modificado polos acordos do Consello de Goberno do 27/02/2015, 29/09/2015, 29/05/2018 e 04/06/2019.
3 Condicións xerais
3.1 As prácticas realizaranse en entidades de colaboración de diversa índole, tales como empresas, organizacións non lucrativas, institucións públicas, centros de investigacións (con investigadores individuais ou grupos de investigación), etc. Todas as prácticas realizaranse ao amparo de convenios de colaboración que sexan subscritos entre a entidade e a Universidade da Coruña (en diante, UDC), excepto no caso de unidades de investigación internas da UDC e para o caso de realización de prácticas vinculadas a un simulador de emprendemento no Grao en Xestión Industrial da Moda.
3.2 As prácticas académicas externas serán de dúas modalidades, curriculares e extracurriculares. As prácticas curriculares son actividades académicas integrantes do Plano de Estudos de que se trate. As prácticas extracurriculares refírense a prácticas de carácter voluntario que serán contempladas no Suplemento Europeo ao Título. Asemade, dentro de cada modalidade, poderá haber varios tipos de prácticas externas (ver sección 5.1.a)
3.3 Durante o período de realización das prácticas, o estudantado da UDC menor de 28 anos estará cuberto polo seguro escolar obrigatorio que paga coa matrícula. Os estudantes maiores de 28 anos deberán contratar, de ser o caso, o seguro Hac Luce Accidentes. Este seguro poderá ser contratado tamén polo resto do estudantado. A maiores, a entidade colaboradora poderá subscribir ao seu cargo un seguro adicional para os estudantes.
4 Coordinación das prácticas externas e participantes no proceso
4.1 A coordinación das prácticas externas será responsabilidade dun membro da equipa decanal da Facultade de Humanidades e Documentación. Asemade, o/a decano/a poderá nomear unha persoa coordinadora de prácticas externas para cada unha das titulacións da facultade.
4.2 Participan no proceso de prácticas externas:
4.2.1 Comisión de Docencia e Calidade da Facultade. Serán as súas funcións:
a) Nomear aos membros da Comisión de Prácticas Externas de cada titulación.
b) Realizar un seguimento das prácticas externas, curriculares e extracurriculares.
c) Organizar as actuacións necesarias co/coa coordinador/a da titulación e cos departamentos implicados.
4.2.2 Comisión de Prácticas Externas da titulación. A Comisión de Prácticas Externas da titulación é o órgano encargado de velar polo correcto desenvolvemento das prácticas e da aplicación do presente Regulamento. Deben formar parte desta Comisión, polo menos:
- Un membro da equipa decanal da Facultade.
- O/a coordinador/a da titulación.
- O/a coordinador/a de prácticas da titulación, no caso de existir.
- Un/a alumno/a da titulación.
- Un membro da administración da UDC, con voz pero sen voto.
4.2.3 As funcións da Comisión de Prácticas Externas serán:
a) Propoñer calquera modificación do Regulamento de prácticas, así como o seu sistema de avaliación, que serán sometidos a aprobación pola Xunta de Facultade.
b) Coordinar as tarefas de planificación, deseño, e desenvolvemento das prácticas.
c) Garantir a xestión de todo o proceso relativo ás prácticas e asegurar a aplicación do regulamento correspondente.
d) Supervisar que se cumpran as condicións establecidas na normativa da UDC.
e) Establecer a comunicación precisa coas entidades colaboradoras para configurar a oferta das prácticas e levar a cabo a asignación do estudantado.
f) Garantir a transparencia no proceso de difusión e adxudicación da oferta de prácticas.
g) Procurar convenios de prácticas coas entidades colaboradoras que sexa preciso.
h) Velar para que a estadía nas entidades colaboradoras de prácticas e os traballos vinculados a estas, tanto no seu nivel como na súa extensión e os seus obxectivos, posibiliten que o/a estudante as leve a cabo no número de horas equivalentes aos créditos ECTS asignados no plan de estudos, e coa duración que alí se establece.
i) Xestionar a asignación a cada estudante do seu centro de prácticas.
j) Aprobar a asignación dos titores/as académicos a cada estudante, a proposta do/a coordinador/a das prácticas da titulación.
k) Coordinar as accións de orientación e eventos vinculados ás prácticas.
l) Resolver as cuestións e incidencias que xurdiren durante o proceso de planificación, deseño, desenvolvemento e avaliación das prácticas.
m) Adoptar unha decisión definitiva sobre o recoñecemento das prácticas, previa solicitude do alumnado, tendo en consideración a información e documentación aportada polo/a coordinador/a das prácticas externas.
n) Supervisar os procesos de realización e aprobación dos proxectos formativos, entrega de informes e memorias finais, e avaliación e cualificación das prácticas.
o) Informar á presidencia da Comisión de Docencia e Calidade da facultade dos acordos adoptados.
p) Cantas outras accións sexan oportunas ou necesarias para o correcto desenvolvemento das prácticas da titulación.
4.2.4 O/a coordinador/a de prácticas. Son funcións da persoa responsable da coordinación das prácticas de cada titulación:
a) Coordinar a materia Prácticas Externas ou equivalente da titulación.
b) Promover a sinatura de novos convenios de prácticas.
c) Cubrir a proposta de guía docente.
d) Propoñer a asignación dun titor/a académico/a ao estudantado en prácticas.
e) Actuar como titor/a académico/a de prácticas cando non se nomee outro/a profesor/a para este fin.
f) Analizar a información aportada polo estudantado que solicita o recoñecemento das prácticas externas, así como recadar nova documentación (de considerarse necesario), para remitila á Comisión de Prácticas Externas da titulación para a posterior toma de decisión.
g) Cubrir e asinar as actas de cualificacións.
4.2.5 O/a titor/a académico/a. Son funcións do/a titor/a académico/a das prácticas:
a) Velar polo normal desenvolvemento do proxecto formativo e garantir a compatibilidade horaria das prácticas coas obrigas académicas do estudantado.
b) Facer un seguimento efectivo das prácticas en coordinación co/coa titor/a profesional da entidade de prácticas.
c) Informar das posibles incidencias que poidan xurdir durante o período de prácticas.
d) Recadar o informe do titor/a profesional e a memoria final elaborada polo estudantado, e propoñer a cualificación das prácticas do estudantado titorizado. Toda esta información e documentación debe remitirse á persoa responsable da coordinación das prácticas externas no prazo establecido para cubrir a acta académica en tempo e forma.
4.2.6 O/a titor/a profesional na entidade onde se realicen as prácticas externas. Son funcións do/a titor/a profesional, persoa designada pola entidade de prácticas:
a) Acoller ao estudantado, organizar e orientar a súa actividade de conformidade co proxecto formativo, seguindo o establecido na guía docente (no caso das prácticas curriculares) e os documentos vinculados a esta.
b) Informar ao estudantado do funcionamento da entidade e das tarefas e actividades que ten que desenvolver, así como da normativa de interese relativa á seguridade e aos riscos laborais que rexa nela.
c) Proporcionar a formación complementaria que precise o estudantado para efectuar as prácticas.
d) Coordinar co/coa titor/a académico/a o correcto desenvolvemento das actividades contidas no proxecto formativo, incluídas as modificacións do plan que puidesen ser necesarias.
e) Emitir o informe e a enquisa final das prácticas para o/a estudante titorizado, segundo o procedemento e o modelo establecido pola Universidade da Coruña.
4.2.7 Estudantado que realiza as prácticas externas. O estudantado en prácticas terá as seguintes funcións e/ou obrigas:
a) Cumprir coa normativa de prácticas externas da Universidade da Coruña e co regulamento de prácticas externas da Facultade de Humanidades e Documentación.
b) Presentar a documentación que lle sexa solicitada pola Universidade ou pola entidade colaboradora onde realizará as prácticas.
c) Coñecer a información que consta na guía docente da materia Prácticas Externas, no caso das prácticas curriculares.
d) Coñecer o proxecto formativo de prácticas e cumprir co mesmo seguindo estritamente as indicacións do/a titor/a profesional asignado pola entidade colaboradora, baixo a supervisión do/a titor/a académico/a, e gardar a confidencialidade en relación coa información interna da entidade.
e) Manter o contacto co/a titor/a académico/a e comunicarlle calquera posible incidencia ou reclamación que puidese xurdir durante o período en que se desenvolve a práctica.
f) Incorporarse á entidade colaboradora de prácticas na data acordada, cumprir o horario previsto no proxecto formativo e respectar as normas de funcionamento, seguridade e prevención de riscos laborais desta.
g) Unha vez rematado o período de prácticas, elaborar unha memoria final das prácticas de acordo cos contidos esixidos pola Universidade, segundo o modelo estipulado e nos prazos que se establezan.
5 Procedemento de oferta e difusión das prácticas externas da Facultade de Humanidades e Documentación
5.1 En cada titulación , o/a coordinador/a das prácticas configurará unha oferta de prácticas externas e a difundirá entre o estudantado cada curso académico coa antelación suficiente, antes do proceso de adxudicación e as datas de realización. A oferta deberá conter, na medida do posible, os seguintes datos:
a) Tipo de práctica (prácticas en empresas, institucións públicas, entidades non lucrativas, centros de investigación ou unidades da UDC, prácticas internacionais, participación en proxectos de aprendizaxe-servizo, participación individual nun simulador de empresa, entre outras).
b) Nome ou razón social da entidade colaboradora onde se realizará a práctica.
c) Centro, localidade e enderezo onde terá lugar (ou virtual, no seu caso).
d) Datas de comezo e fin da práctica, así como a súa duración en horas.
e) Número de horas diarias e horario asignado.
f) Actividades e competencias que se van desenvolver.
g) Requisitos especiais impostos pola entidade que oferta a práctica
5.2 A oferta de prácticas externas difundirase utilizando as ferramentas institucionais da Universidade da Coruña (campus virtual, portal de prácticas externas, ou a través doutras ferramentas que estean en vigor no curso académico) e o taboleiro da web da Facultade de Humanidades e Documentación.
6 Requisitos dos estudantes
6.1 Poderán optar e realizar as prácticas externas curriculares, os estudantes que estean matriculados na materia vinculada, segundo o plano de estudos de que se trate.
6.2 Poderán optar e realizar as prácticas externas extracurriculares, os estudantes matriculados en calquera titulación do Centro que teñan superado, polo menos, un 50% dos créditos totais correspondentes á titulación que estean cursando.
7 Procedemento de adxudicación ao estudantado da modalidade das prácticas e da entidade colaboradora da oferta da Facultade de Humanidades e Documentación
7.1 Unha vez publicada a oferta de prácticas externas, o estudantado que cumpra os requisitos establecidos solicitará a súa admisión no procedemento de adxudicación, especificando unha orde de preferencia entre as prácticas ofertadas e indicará tamén se alegan algún tipo de discapacidade e o grado desta.
7.2 A solicitude realizarase polo medio seleccionado pola Comisión de Prácticas Externas da titulación, e deberá ser unha das ferramentas institucionais da Universidade da Coruña (campus virtual, portal de prácticas externas, aplicacións de Microsoft 365, ou calquera outra ferramenta institucional que estea en vigor no curso académico) que asegure ao estudantado a recepción da solicitude.
7.3 Unha vez pechado o prazo de solicitude de admisión, a Comisión de Prácticas Externas da titulación realizará a asignación das prácticas ofertadas entre aqueles estudantes que reúnan todos os requisitos, baseándose na nota media ponderada con respecto aos créditos académicos do expediente do estudante, e no cumprimento dos requisitos que previamente fixara a entidade que oferta as prácticas, se os houbese. A asignación realizarase por orde consecutivo de maior a menor nota media, tomando a práctica non asignada previamente que conste en primeiro lugar entre as preferencias do estudante. De non quedar prácticas vacantes entre as preferencias do estudante, este poderá optar a outras prácticas entre as vacantes que queden dispoñibles, sempre seguindo a mesma orde de prioridade para a elección. En calquera caso, respectarase o principio de igualdade, mérito e capacidade. Na asignación, darase prioridade a aqueles estudantes que realizan prácticas curriculares obrigatorias fronte aqueles que solicitan prácticas extracurriculares voluntarias.
7.4 Como excepción á regra anterior, e segundo estipula o artigo 17 do Real Decreto 1707/2011, de 18 de novembro, a Comisión de Prácticas Externas da titulación outorgará prioridade na elección e asignación de prácticas aos estudantes con discapacidade co obxecto de que poidan optar a entidades nas que estean aseguradas todas as medidas de accesibilidade universal, incluídas as referidas ao transporte para o seu traslado e acceso a elas.
7.5 A preselección provisional difundirase utilizando as ferramentas institucionais da Universidade da Coruña (campus virtual, portal de prácticas externas, ou calquera outra ferramenta que estea en vigor no curso académico) e o taboleiro da web da Facultade de Humanidades e Documentación, abríndose un período de reclamacións previo á preselección definitiva. Transcorrido o período de reclamacións, e resoltas as mesmas, publicarase a preselección definitiva polos mesmos medios que a provisional.
7.6 Unha vez a preselección sexa definitiva, a Comisión de Prácticas Externas da titulación comunicará aos estudantes preseleccionados a súa participación no proceso de selección das entidades colaboradoras, que será coordinado e realizado pola entidade colaboradora, quen indicará a persoa seleccionada e a orde dos estudantes suplentes.
7.7 Cando teñan rematado todos os procesos de selección das entidades colaboradoras, a Comisión de Prácticas Externas da titulación publicará a adxudicación definitiva de cada oferta a cada estudante utilizando as ferramentas institucionais da Universidade da Coruña (campus virtual, portal de prácticas externas, ou calquera outra ferramenta que estea en vigor no curso académico) e o taboleiro da web da Facultade de Humanidades e Documentación.
7.8 Se un estudante preseleccionado para a realización dunha práctica rexeita participar nun proceso de selección, ou se un estudante seleccionado rexeita unha práctica, ou renuncia unha vez aceptada, sen causa xustificada, quedará excluído do procedemento de adxudicación de prácticas no mesmo curso académico.
8 Procedemento de adxudicación do profesorado titor académico das prácticas
8.1 O/A coordinador/a de prácticas configurará, ao principio do curso académico, un conxunto de profesores e profesoras con docencia na titulación que desexen ser titores académicos das prácticas.
8.2 Cando a adxudicación dunha oferta sexa definitiva, a Comisión de Prácticas Externas da titulación seleccionará un/ha titor/a académico, a proposta do/a coordinador/a de prácticas, asegurando o reparto equitativo entre todo o profesorado dispoñible, tendo en conta a experiencia previa dos/as titores/as en relación coas tarefas a desempeñar polos estudantes.
8.3 No caso específico da tipoloxía de prácticas “participación individual nun simulador de empresa”, o/a titor/a académico/a das prácticas deberá exercer, ao mesmo tempo, de titor/a profesional, debido a que as prácticas non se realizan nunha entidade colaboradora senón utilizando unha ferramenta informática (simulador).
9 Proceso de realización e aprobación do proxecto formativo de cada práctica
9.1 O/A titor/a académico/a será a persoa responsable de redactar o proxecto formativo de cada práctica que teña asignada, de conseguir a súa sinatura por parte do/a titor/a profesional e do estudante, de asinalo, de remitilo ao titor/a profesional e ao estudante unha vez asinado, e de remitilo finalmente o/a coordinador/a de prácticas utilizando as ferramentas institucionais da Universidade da Coruña.
10 Proceso para realizar e entregar os informes e a memoria final e para avaliar e cualificar as prácticas externas
10.1 O estudantado realizará a memoria final das prácticas seguindo as indicacións da guía docente da materia, e a entregará utilizando o campus virtual da Universidade da Coruña. O/a titor/a académico/a solicitará do/a titor/a profesional o informe das prácticas, e realizará o seu propio informe seguindo as indicacións da guía docente da materia e, á vista da memoria final, do informe do/a titor/a profesional, e das súas evidencias de avaliación.
10.2 O/a titor/a académico/a remitirá ao/á coordinador/a de prácticas externas, para cada estudante titorizado, a memoria final, o informe do/a titor/a profesional e o seu propio informe cando menos 10 días antes da data de peche de actas para que o/a coordinador/a de prácticas realice as actividades de cualificación descritas nas normas de avaliación, revisión e reclamación das cualificacións dos estudos de grao e mestrado universitario da Universidade da Coruña.
11 Procedemento de adxudicación ao estudantado de prácticas externas propostas polo estudantado
11.1 O estudantado pode propoñer a adxudicación de prácticas externas nunha oferta dunha entidade colaboradora que estea incluída na oferta da Facultade de Humanidades e Documentación, pero con anterioridade á data de publicación da oferta das prácticas externas que se describe no artigo 5 desta normativa. Neste caso, unicamente estarán incluídas na oferta da Facultade de Humanidades e Documentación as prazas de prácticas externas adicionais que decida a entidade colaboradora, unha vez descontadas as prazas propostas polo estudantado.
11.2 Para os casos recollidos no puntos 11.1, o estudantado deberá informar o/a coordinador/a de prácticas sobre a súa proposta. O/a coordinador/a de prácticas será responsable de valorar a idoneidade da entidade colaboradora e, en caso de valoración positiva, de coordinar o proceso de sinatura do convenio.
11.3 Para os casos recollidos nos punto 11.1, o estudantado propoñente terá a súa praza de prácticas externas reservada na entidade colaboradora proposta para ese mesmo curso académico, en caso de cumprir os requisitos recollidos no punto 6 deste Regulamento.
11.4 O estudantado que, logo da súa proposta, teña adxudicada unha praza de prácticas nunha entidade, non poderá acudir á oferta das prácticas externas que se describe no artigo 5 desta normativa, nin cambiar de entidade pola súa conta.
12 Recoñecemento dos créditos de prácticas externas
12.1 Para a transferencia e recoñecemento de créditos se seguirán as indicacións do R.D. 1393/2007 de 29 de outubro modificado polo R.D. 861/2010 de 2 de xullo, sobre Organización das Ensinanzas Universitarias Oficiais e a Normativa de recoñecemento e transferencia de créditos para titulacións adaptadas o Espazo Europeo de Educación Superior da UDC.
12.2 Os créditos da materia Prácticas Externas só se poderán recoñecer cun contrato de traballo ou programa de prácticas directamente relacionado coa temática da titulación, sempre que este contrato/programa se axuste en período de duración, número de horas e analoxía de funcións a esta materia. O devandito contrato de traballo/programa de prácticas pode estar vixente ou finalizado.
12.3 A Comisión de Prácticas Externas será a encargada de aprobar ou denegar o recoñecemento de créditos, e este non suporá unha cualificación.
13 Duración e horario das prácticas externas
13.1 As prácticas curriculares terán a duración que estableza o plan de estudos correspondente nos termos establecidos no artigo 11 do RD 822/2021, do 28 de setembro, ou norma posterior que o substitúa. A realización destas prácticas farase de conformidade co calendario académico aprobado polo Consello de Goberno para cada curso académico.
13.2 Durante o período lectivo, as prácticas extracurriculares non excederán as 750 horas, cunha distribución horaria que permita a dedicación simultánea aos estudos e ás prácticas.
13.3 Con carácter xeral, a distribución horaria das prácticas externas establecerase de acordo coas súas características e a dispoñibilidade da entidade colaboradora. En calquera caso, os horarios serán compatibles coa actividade académica, formativa e de representación e participación desenvolvida polo estudantado na universidade.
13.4 Excepcionalmente, nos casos en que o estudante teña unha carga lectiva moi reducida para finalizar a titulación oficial poderase realizar unha xornada ampla sen superar 40 horas semanais e 8 diarias, e sempre coa autorización do/a titor/a académico/a.