A Universidade da Coruña abre mañá, mércores 20 de abril, o prazo para presentar a documentación que acredite un Nivel B1 de inglés para a admisión no grao en Xestión Industrial da Moda no curso 2021/22. O certificados poderán remitirse, única e exclusivamente, a través da páxina web gradoindustrialmoda.udc.gal ata o vindeiro 16 de xuño. Cómpre lembrar que a acreditación do cumprimento deste requisito, ao tratarse dunha titulación bilingüe, non exime da realización dos trámites de acceso e admisión á universidade.

O cumprimento do requisito do nivel de inglés poderá acreditarse mediante o envío de calquera dos seguintes xustificantes:

  • Certificación oficial do nivel B1 de inglés (só se admitirán aqueles certificados recoñecidos pola Asociación de Centros de Linguas na Ensinanza Superior ACLES – acles.es)
  • Cualificación en inglés igual ou superior a 7 nos dous cursos de Bacharelato. O estudantado procedente de centros de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia non precisará presentar esta xustificación. Só deberá presentala o estudantado de centros de titularidade privada da Comunidade Autónoma de Galicia ou o estudantado tanto de centros públicos como privados doutras comunidades.
  • Ter cursado, en sistemas educativos de fala inglesa, 4º da ESO ou un curso de Bacharelato.
  • Diploma de asistencia e aproveitamento de nivel B1.2 ou superior de inglés, ou diploma de dominio de nivel B1 ou superior do Centro de Linguas da Universidade da Coruña. Tamén se admitirán os certificados similares expedidos por outros centros de linguas doutras universidades españolas.

O Grao en Xestión Industrial da Moda impártese desde o curso 2018/19 na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol. Trátase dunha titulación única en España xa que aglutina materias de deseño, arte, xestión empresarial, enxeñaría de procesos, sistemas de información ou sustentabilidade. Boa parte destas asignaturas impártense integramente en lingua inglesa de aí que o alumnado interesado en cursar este título deba acreditar o seu coñecemento do idioma. O resto das materias impártese en galego ou castelán. A titulación oferta un total de 50 prazas e a nota de corte foi o curso pasado de 8.030.

Para calquera dúbida ou incidencias, podedes dirixirvos ao Campus Industrial (oficina.campusindustrial@udc.es, +34 881 01 3621).