PDF original: Regulamiento interno de la facultad de Humanidades de la Universidad de A Coruña

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O presente regulamento vén dar cumprimento ao que dispón o artigo 13 dos Estatutos da
Universidade da Coruña, aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de
maio).

A regulación do réxime de funcionamento e de organización da Facultade de Humanidades
fica enmarcada na normativa aplicable á Universidade da Coruña, en concreto na Lei
orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no Decreto 101/2004, do 13 de
maio, que aproba os Estatutos da Universidade da Coruña, así como na Lei 30/1992, do 26
de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, naqueles aspectos que se recollen na
presente normativa e que son de obrigado cumprimento ou que con carácter subsidiario
foren de aplicación.

TÍTULO PRELIMINAR. DO ÁMBITO E DO RÉXIME XURÍDICO DE
APLICACIÓN

Artigo 1. Obxecto do regulamento

O presente regulamento establece e regula o funcionamento e a organización da Facultade
de Humanidades da Universidade da Coruña.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente regulamento será de aplicación á Facultade de Humanidades da Universidade da
Coruña e consecuentemente será de obrigado cumprimento para todos os membros da
comunidade universitaria do centro.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A Facultade de Humanidades rexerase pola Lei orgánica de universidades, polas
normas que emanaren dos correspondentes órganos do Estado e da Comunidade
Autónoma de Galicia no exercicio das súas respectivas competencias, polos
Estatutos da Universidade da Coruña e as súas normas de desenvolvemento e,
finalmente, polo presente regulamento de réxime interno.

2. En defecto do que está establecido no presente regulamento aplicarase a Lei
30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do
procedemento administrativo común.

3. Contra as resolucións e os acordos dos órganos unipersoais ou colexiados do centro
poderá formularse un recurso de alzada no prazo dun mes perante o reitor, no caso
de tratárense de resolucións do decano, ou perante o Consello de Goberno, no caso
de tratárense de acordos da Xunta de Centro, cuxa decisión esgotará a vía
administrativa e será impugnable perante a xurisdición contencioso-administrativa
de conformidade coa lei reguladora desta xurisdición.

TÍTULO I. NATUREZA, FINS E FUNCIÓNS

Artigo 4. Natureza

A Facultade de Humanidades é o centro que se encarga da organización do ensino e dos
procesos académicos, administrativos e de xestión que conducen á obtención de títulos de
carácter oficial e con validez en todo o territorio español e de títulos propios.

Artigo 5. Funcións

Son funcións da Facultade de Humanidades as seguintes:

1. Elaborar a proposta dos planos de estudo do ensino que se imparte nela.

2. Organizar e supervisar as actividades docentes e a xestión dos servizos da súa
competencia.

3. Custodiar as actas de cualificación e os expedientes dos estudantes que cursasen ou
cursen estudos nela, sen prexuízo do mantemento, por parte da Universidade, de
arquivos centralizados.

4. Expedir as certificacións solicitadas polos estudantes do centro.

5. Administrar a asignación orzamentaria do centro e controlar os seus propios
servizos e equipamentos.

6. Promover actividades culturais e de extensión universitaria.

7. Promover actividades de difusión e de coñecemento público das titulacións e dos
estudos que se imparten no centro.

8. Participar e promover a participación nos procesos de avaliación da calidade.

9. Informar ao Consello de Goberno, xunto cos departamentos correspondentes, para a
posible aprobación por parte deste do planos de estudo conxuntos con outras
universidades, nacionais ou estranxeiras.

10. Propoñer a celebración de contratos e convenios nos termos da lexislación vixente.

11. Calquera outra que lle atribúan as disposicións legais vixentes e os Estatutos da
Universidade da Coruña aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio.

TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN DA FACULTADE
CAPÍTULO I. DA ESTRUTURA DA FACULTADE

Artígo 6. Persoal adscrito á Facultade de Humanidades

Poderán ser membros da Facultade de Humanidades o persoal docente e investigador e o
persoal de administración e servizos que se adscriban a ela, así como o estudantado
matriculado nalgunha das titulacións oficiais que se imparten no centro.

Artigo 7. Adscrición do profesorado

O profesorado que se incorpore á Universidade quedará adscrito ao centro que lle asigne o
correspondente departamento.

CAPÍTULO II. DO GOBERNO DA FACULTADE

Artigo 8. Órganos de goberno da facultade

Para o goberno, representación e administración da Facultade de Humanidades,
establécense os seguintes órganos:

a) Colexiados:

- Xunta de Facultade

- Comisións delegadas da Xunta de Facultade:

- Comisión de Docencia e Calidade
- Comisión de Biblioteca
- Comisión de Infraestruturas e Servizos
- Comisión de Extensión Universitaria e Comunicacións

b) Unipersoais:

- Decano de facultade

- Vicedecanos, en número apropiado ás necesidades do centro e que representen axeitadamente as titulacións

- Secretario de facultade

SECCIÓN PRIMEIRA. DOS ÓRGANOS COLEXIADOS

Artigo 9. Composición da Xunta de Facultade

1. A Xunta de Facultade estará constituída polos seguintes membros:

a) O decano, que a convocará e presidirá.

b) Os vicedecanos e o secretario, que o será tamén da Xunta.

c) Un 70% do profesorado do centro. Todo o profesorado funcionario do centro
pertencerá á Xunta de Centro e representará, polo menos, un 51% do número total de
membros desta. Sempre que for posible, o 19% será profesorado non funcionario. O
profesorado que imparta docencia en máis dun centro só poderá ser membro da Xunta
de Centro en que desenvolva maioritariamente a súa docencia.

d) Un 25% do estudantado do centro.

e) Un 5% do persoal de administración e servizos.

2. As persoas representantes na Xunta de Centro serán elixidas para un período de dous
anos.

Artigo 10. Competencias da Xunta de Facultade

Como órgano colexiado de goberno do centro, á Xunta de Facultade correspóndenlle as
seguintes funcións:

1. Elixir o decano e, se for o caso, revogalo.

2. Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno e de administración do centro.

3. Informar sobre a implantación de novas titulacións e estudos.

4. Elaborar e aprobar as propostas de planos de estudos das titulacións que se impartiren
no centro.

5. Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plano docente do centro
coordinadamente cos departamentos que están adscritos ao centro.

6. Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes que se realizan para a
obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, e coordinar e
supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias que imparten neles os
departamentos, de acordo cos planos de estudo e cos obxectivos establecidos para cada
titulación.

7. Programar os servizos e equipamentos do centro e mais supervisar a súa xestión.

8. Acordar a distribución dos créditos que se lle concederon ao centro e controlar a súa
aplicación.

9. Elaborar o regulamento de réxime interno do centro e remitilo ao Consello de Goberno
para a súa aprobación.

10. Organizar actividades de formación permanente e de extensión universitaria.

11. Ratificar, se for o caso, e ser informada dos acordos das comisións creadas no seo da
Xunta de Centro.

12. Calquera outra que lle atribuíren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da
Universidade da Coruña aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio.

Artigo 11. Funcionamento da Xunta de Facultade

1. A Xunta de Facultade reunirase en sesión ordinaria cantas veces for necesario e, polo
menos, tres veces ao ano, e en sesión extraordinaria sempre que o decano a convoque por
propia iniciativa ou pola solicitude, por escrito, como mínimo dun cuarto dos seus
membros, en cuxo caso se realizará nos quince días seguintes ao da recepción da solicitude.

2. O decano fixará a orde do día das sesións tendo en conta, se for o caso, que calquera dos
membros da Xunta de Facultade poderá solicitar a inclusión dun punto na orde do día. En
tal caso, este punto incluirase na primeira sesión que se convocar, sempre que se solicitase
coa suficiente antelación.

3. O secretario da facultade efectuará a convocatoria por encargo do decano ou de quen
legalmente o substituír. Esta convocatoria incluirá a data, a hora e o lugar da realización da
sesión, así como a orde do día. As citacións da convocatoria cursaraas o secretario, coa
antelación suficiente para que todos os membros a recibiren, como mínimo, corenta e oito
horas antes da celebración da sesión, e nelas incluirase unha orde do día explícita, sen
referencias xenéricas.
As citacións levaranse a cabo mediante a notificación persoal por carta ao centro de traballo
ou, cando for posible nun futuro, mediante a notificación en soporte informático con
garantías da súa recepción.

4. Cando a natureza dos asuntos que se foren tratar así o requirir, por iniciativa do decano
ou pola petición das partes interesadas, o decano poderá convocar ás sesións do pleno ou,
se for o caso, ás dalgunha comisión as persoas que se estimar necesario, con voz mais sen
voto.

5. As peticións razoadas de asistencia á Xunta de Facultade ou ás comisións delegadas
deberán cursarse cunha antelación mínima de 24 horas.

6. As sesións extraordinarias da Xunta de Facultade están sometidas aos mesmos
requirimentos que as ordinarias, coa excepción de que a súa convocatoria pode facerse con
só corenta e oito horas de antelación e que ten lugar para tratar puntos de inadiableconsideración. Na orde do día só se incluirá o punto único polo que se convoca a sesión extraordinaria.

Artigo 12. Constitución

Para a válida constitución da Xunta de Facultade, para os efectos da realización das sesións,
das deliberacións e da toma de acordos, requirirase a presenza do decano e secretario ou, se
for o caso, de quen os substituír e da metade, polo menos, dos seus membros.

De non se acadar este quórum e, a non ser que na notificación se convocase a sesión en
única convocatoria, a Xunta de Facultade poderase constituír nunha segunda convocatoria
coa presenza da terceira parte dos seus membros e, en todo caso, coa presenza do decano e
do secretario ou, se for o caso, de quen os substituír. Este quórum da terceira parte será
tamén o que rexerá para as xuntas extraordinarias.

De non se acadar o quórum de segunda convocatoria, haberase de convocar unha nova
sesión no prazo máximo de dez días hábiles.

Artigo 13. Asistencia e desenvolvemento das sesións

1. A asistencia ás sesións dos órganos colexiados da Universidade é un dereito e un deber
dos membros que os integran.

2. A condición de membro dos órganos colexiados do centro é persoal e non delegable.

3. Calquera persoa poderá xustificar a súa ausencia, por escrito, con anterioridade á sesión
en que se produza e perante o secretario de facultade.

4. Ás sesións dos órganos colexiados só poderán asistir os seus respectivos membros, agás
no caso que se recolle no artigo 11, apartados 4 e 5.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou de acordo ningún asunto que non figurar
incluído na orde do día, agás que estiveren presentes todos os membros do órgano
colexiado e que o asunto for declarado urxente polo voto favorable da maioría.

Artigo 14. Votacións e adopción de acordos

1. As votacións poderán ser por asentimento por proposta do decano da facultade, a man
alzada, públicas por chamamento, ou secretas. O decano da facultade decidirá a utilización
dunha ou doutra modalidade. Porén, a votación secreta poderá ser utilizada cando o acordo
que se debe adoptar tiver carácter persoal. Considéranse adoptados os acordos por
asentimento cando as propostas que se someten á Xunta non suscitaren oposición de ningún
dos seus membros e cando non requirise outra forma de votación ningún membro.

2. A xunta adoptará os seus acordos pola maioría dos votos afirmativos fronte aos
negativos, sen ter en conta as abstencións, agás naqueles supostos en que se esixa, legal ou
regulamentarmente, unha maioría absoluta ou cualificada.

3. En caso de empate nos resultados dunha votación, o decano decidirá co seu voto de
calidade.

4. Non poderán someterse a votación aquelas cuestións que non estiveren especificadas en
cada punto da orde do día e en relación directa con elas. Tampouco poderán tomarse
acordos dentro dos apartados da orde do día correspondentes a “Informes” e “Rolda de
intervencións”.

5. Calquera membro da Xunta de Facultade, antes de proceder á votación, poderá solicitar
que se vixíe o quórum.

6. Unha vez que se iniciar unha votación, esta non se poderá interromper e ningún membro
poderá entrar ou saír da sala mentres non rematar a votación.

Artigo 15. Actas

1. De cada sesión que tiver lugar o secretario redactará a acta, que especificará
necesariamente a relación dos asistentes e dos ausentes que achegaren a xustificación, a
orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e do tempo en que tivo lugar, os puntos
principais das deliberacións, así como o contido dos acordos e o xeito en que estes se
adoptaron.

2. Na acta figurará, após solicitude dos respectivos membros da Xunta de Facultade, o voto
contrario ao acordo que se adoptou, a súa abstención e os motivos que a xustificasen ou o
sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a
transcrición íntegra da súa intervención ou da súa proposta, sempre que achegue no acto ou
no prazo que sinale o decano o texto que se corresponder fielmente coa súa intervención, de
xeito que se faga así constar na acta ou que se una unha copia a ela.

3. Os membros que discreparen do acordo maioritario poderán formular un voto particular
por escrito no prazo de corenta e oito horas, que se incorporará ao texto aprobado.

4. Cando os membros do órgano votaren en contra ou se abstiveren, quedarán exentos da
responsabilidade que, se for o caso, puider derivarse dos acordos.

5. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión mais, non obstante, o secretario
poderá emitir unha certificación sobre os acordos específicos que se adoptaren, sen
prexuízo da ulterior aprobación da acta.

Artigo 16. Comisións da Xunta de Facultade

1. A Xunta de Facultade, para os efectos do seu mellor funcionamento ou actuación, poderá
constituír comisións con carácter de apoio ou de asesoramento que non terán capacidade
decisoria, e que deberán remitir todas as propostas que se adoptaren á Xunta de Facultade
ou ao decano, se for o caso, que decidirán en última instancia.

2. As comisións delegadas poderán ser estables ou conxunturais. Estas últimas poderán
constituírse para situacións puntuais ou por asuntos concretos.

3. As comisións estarán compostas polos membros da Xunta de Facultade designados por
ela mesma. Para a súa renovación seguiranse os mesmos criterios que establece o artigo 9
do presente regulamento e o que dispón para as xuntas de facultade no Regulamento de
réxime electoral.

4. Na composición destas comisións estarán representados todos os sectores da Xunta de
Facultade.

5. A composición das comisións permanentes será a seguinte:

-O presidente, o decano ou a persoa en quen delegar
-Catro profesores
-Dous estudantes
-Un membro do PAS da facultade

6. As funcións que corresponderen a cada comisión serán asignadas pola Xunta de
Facultade.

7. Para o seu funcionamento e para a adopción de acordos rexeranse polas normas
establecidas para a Xunta de Facultade no presente regulamento.

8. As comisións delegadas redactarán unha acta sucinta en que se precisen tan só os acordos
que se tomaron, e que asinará o secretario co visto e prace do presidente. A propia comisión
nomeará o secretario.

9. O decano é o presidente de oficio de todas as comisións constituídas na facultade e
poderaas convocar e presidir en calquera momento. Presidirá a comisión o decano ou un
membro do equipo decanal en que delegue. Este membro que actúe por delegación deberá
ser o que posúa as atribucións máis afíns á comisión convocada.

10. Pola súa natureza, as comisións en principio coordinan e presentan propostas á Xunta
de Facultade, sempre sobre as cuestións que os Estatutos, este regulamento e os órganos de
goberno da facultade lles encomendaren. Naquelas precisas materias que este regulamento
establece, as comisións poderán ser decisorias, para o que será preciso que a Xunta lles
delegue expresamente a competencia para a adopción das correspondentes decisións.

11. No caso de baixa prolongada (tres ausencias consecutivas non xustificadas) ou
definitiva dun membro na comisión, este substituirase automaticamente polo seguinte máis
votado para esta comisión.

Artigo 17. Da Comisión de Docencia e Calidade

1. A Comisión de Docencia e Calidade ten encomendadas as seguintes funcións:

1.1. Propoñer a limitación da capacidade do centro.

1.2. Propoñer a resolución das solicitudes de validacións e de adaptacións de estudos
nacionais e estranxeiros.

1.3. Supervisar o bo funcionamento de todos os convenios de intercambio de estudantes,
nacionais e internacionais, vixentes (Erasmus ou similares, tanto do alumnado das
titulacións do centro como do que se incorpora a elas).

1.4. Realizar o seguimento dos planos de estudo, con especial atención ao Practicum.

1.5. Supervisar a marcha dos convenios para realizar prácticas externas, así como a
selección dos candidatos.

1.6. Propoñer criterios e supervisar a proposta de horarios e de calendario de exames.

1.7. Facer o seguimento da docencia (aulas, actividade titorial e xestión académica,
especialmente no relativo aos programas e ás actas) no ámbito das súas competencias.

1.8. Realizar o seguimento dos planos de mellora derivados da avaliación da calidade.

1.9. Impulsar os planos estratéxicos das titulacións do centro.

1.10. Informar o decano sobre as reclamacións que entraren no seu ámbito de
competencia.

2. Nesta comisión estará presente, en calquera caso, o administrador do centro, con voz
mais sen voto.

Artigo 18. Da Comisión de Biblioteca

1. A Comisión de Biblioteca ten as seguintes funcións:

1.1. Facer a proposta de mellora do regulamento da Biblioteca da facultade ou do
ámbito bibliotecario que lle corresponder á facultade.

1.2. Propoñer a distribución por áreas de coñecemento dos fondos que lle
corresponden á Biblioteca.

1.3. Xestionar os fondos propios da biblioteca para a adquisición da bibliografía e
dos outros materiais documentais.

1.4. Elaborar informes acerca da situación da Biblioteca e facer propostas sobre as
súas necesidades.

1.5. Propor a adquisición de bases de datos, de fondos de revistas e doutros
materiais de carácter xeral.

1.6. Propor ás instancias correspondentes todas aquelas medidas que puideren
convir ao desenvolvemento da Biblioteca: selección de bolseiros de colaboración en
tarefas bibliográficas, asesoramento no proceso de catalogación, solicitude de novos
equipamentos para a biblioteca, eventuais ampliacións dos espazos bibliotecarios
etc.

1.7. Informar o decano sobre as reclamacións que entraren no seu ámbito de
competencia.

2. Nesta comisión estará presente, en calquera caso, o director da Biblioteca, con voz mais
sen voto.

Artigo 19. Da Comisión de Infraestruturas e Servizos

1. A Comisión de Infraestruturas e Servizos será competente nas seguintes materias:

1.1. Coordinar as infraestruturas e os servizos.

1.2. Propor criterios e decidir sobre os gastos das partidas ordinarias de mobiliario,
de equipos e de material da facultade.

1.3. Presentar as propostas de obras de conservación, reparación e ampliación que
foren necesarias no edificio.

1.4. Supervisar o funcionamento dos servizos e facer propostas de mellora.

1.5. Elaborar o regulamento de uso das aulas de informática do centro.

1.6. Informar o decano sobre as reclamacións que entraren no seu ámbito de
competencia.

2. Nesta comisión estarán presentes, en calquera caso, o xefe do Negociado de Asuntos
Económicos e un representante do PAS da Conserxaría, con voz mais sen voto.

Artigo 20. Da Comisión de Extensión Universitaria e Comunicacións.

1. A Comisión de Extensión Universitaria e Comunicacións encargarase de dinamizar a
vida cultural da facultade mediante as seguintes medidas:

1.1. Elaborar un plano anual de actividades culturais, deportivas e de extensión
universitaria, así como unha planificación económica deste.

1.2. Decidir os gastos de partida de actividades culturais, deportivas e de extensión
universitaria.

1.3. Coordinar as accións de carácter extracurricular, culturais e deportivas.

1.4. Supervisar a estrutura, o deseño e os contidos da páxina web da facultade.

1.5. Informar o decano sobre as reclamacións que entraren no seu ámbito de
competencia.

1.6. Propor a selección do seu persoal bolseiro.

SECCIÓN SEGUNDA. DOS ÓRGANOS UNIPERSOAIS

Artigo 21. Do decano de facultade

1. O decano de facultade ostenta a representación do seu centro e exerce as funcións de
dirección e de xestión ordinaria deste.

2. O decano de facultade será nomeado polo reitor por un período de catro anos, tras a
elección por parte da Xunta de Facultade entre o profesorado doutor que pertence aos
corpos docentes universitarios do respectivo centro. Poderá ser reelixido.

3. O decano de facultade será elixido pola maioría dos votos validamente emitidos na
Xunta de Centro. A súa revogación producirase en virtude do acordo que adopte a maioría
absoluta da Xunta de Centro, pola petición dun terzo dos seus membros, coa proposta dun
candidato alternativo. En caso de que non prosperase a moción, os membros asinantes desta
non poderán tomar novamente a iniciativa de revogar o decano durante o mesmo mandato.
Se a moción for aprobada deberase comunicar ao Rector para que se leven a cabo os
trámites administrativos oportunos.

4. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade o decano será substituído polo vicedecano,
que será expresamente designado polo decano.

Artigo 22. Funcións do decano da facultade

Corresponden ao decano as seguintes funcións:

a) Representar o centro.
b) Presidir as reunións da Xunta de Centro e de calquera outro órgano colexiado delas, e
mais executar os seus acordos.
c) Velar polo cumprimento da legalidade en todas as actuacións do centro, polo bo
funcionamento dos servizos e polo mantemento da disciplina académica.
d) Dirixir e supervisar as actividades do centro, especialmente a organización das
actividades docentes.
e) Propor ao reitor o nomeamento e o cesamento do vicedecano ou vicedecanos, e do
secretario do centro.
f) Controlar o cumprimento das funcións do persoal de administración e servizos adscritos
ao centro.
g) Presidir a Comisión de Selección do Persoal Docente e Investigador Contratado.
h) Exercer as restantes funcións que se derivan do seu cargo, así como aquelas que lle
atribuíren as disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña,
aprobados por Decreto 101/2004, do 13 de maio.

Artigo 23. Vicedecanos de facultade

1. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, o decano contará coa axuda dos
vicedecanos nas áreas de actividade a que responda a súa denominación, que actuarán
baixo a súa dirección e dependencia, e que serán nomeados polo reitor por proposta do
decano de entre os membros da comunidade universitaria do centro.

2. Cesarán por decisión do reitor por proposta do decano, por petición propia e, en todo
caso, cando conclúa o mandato do decano. Nos dous últimos casos, continuarán en
funcións ata a toma de posesión dos seus sucesores.

3. No caso de existiren varios, o decano designará a persoa que o deberá substituír en caso
de ausencia ou de enfermidade.

4. Corresponde aos vicedecanos dirixir e coordinar, baixo a autoridade do decano, a área
de competencia que este lles asignar.

Artigo 24. Secretario de facultade

1. O secretario do centro é a persoa que dá fe dos actos e dos acordos dos órganos de
goberno e de administración do centro. Será nomeado polo reitor, por proposta do decano,
entre o profesorado que pertenza aos corpos docentes universitarios do respectivo centro.
Cesará por decisión do reitor por proposta do decano, por petición propia e, en todo caso,
cando concluír o mandato do decano. Nos dous últimos casos, continuará en funcións ata a
toma de posesión do seu sucesor.

2. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o secretario será substituído polo
vicedecano que determine o decano.

3. Serán funcións do secretario, ademais das legalmente establecidas, as seguintes:

a) A formación e a custodia dos libros de actas dos órganos colexiados do centro.
b) A recepción e a custodia das actas de cualificación de exames.
c) A custodia da restante documentación oficial do centro.
d) A expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que constaren
nos documentos oficiais do centro.
e) A custodia do selo do centro e do rexistro deste.
f) A publicidade dos acordos dos órganos colexiados do centro.
g) Calquera outra función que lle delegar o decano ou que lle encomendaren as
disposicións legais vixentes e os Estatutos da Universidade da Coruña, aprobados por
Decreto 101/2004, do 13 de maio.

TÍTULO III. DA ACTIVIDADE DOCENTE

Artigo 25. Da organización da docencia

1. A Xunta de Facultade deberá aprobar anualmente o calendario de exames e os horarios
docentes do centro, que propoñerá a Comisión de Docencia e Calidade.

2. Todas as modificacións do calendario de exames e dos horarios do centro deberán ser
referendadas pola Xunta de Facultade.

3. A Xunta de Facultade deberá asignar anualmente a docencia ás áreas de coñecemento
que corresponderen, de acordo sempre cos planos de estudo que se aprobaron
oficialmente.

TÍTULO IV. DO RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 26. Recursos económicos

1. Para a realización da organización do ensino e dos procesos académicos, administrativos
e de xestión a facultade dispón dos seguintes recursos:

a) Os bens, os equipos e as instalacións que, previamente inventariados, a Universidade da
Coruña lle destinar.

b) Os recursos que nos orzamentos da Universidade da Coruña se lle asignaren.

c) Calquera outro recurso que lle puidese ser atribuído.

2. Correspóndelles aos órganos de goberno da facultade velar polo mantemento e pola
renovación dos recursos que están adscritos a ela. Da súa conservación directa son
responsables todos os membros da comunidade da facultade, e esta será supervisada polo
decano.

Artigo 27. Competencias en materia económica

1. A Xunta de Facultade adoptará anualmente os criterios para a asignación de recursos do
centro que serán destinados ao seu funcionamento e á atención das tarefas que lle son
propias.

2. Correspóndenlle ao decanato as seguintes funcións:

a) Elaborar e presentar anualmente á Xunta de Facultade, para o seu debate e, se for o caso,
para a súa aprobación, unha estimación dos ingresos e dos gastos do centro no seu conxunto
co reparto o máis pormenorizado posible dos capítulos e das unidades de gasto que se
prevén para o exercicio económico seguinte.

b) Elaborar e presentar anualmente á Xunta de Centro, para o seu debate e, se for o caso,
para a súa aprobación, unha conta xeral dos ingresos e dos gastos do centro no seu
conxunto, en que se distingan capítulos, conceptos e, no que for posible, unidades de gasto,
unha vez que se remate cada exercicio económico.

TÍTULO V. DA REFORMA DO REGULAMENTO

Artigo 28. Iniciativa de reforma do regulamento

Poderán propor a reforma do presente regulamento un terzo dos membros da Xunta de
Facultade. A proposta de modificación presentarase mediante un escrito motivado que se
dirixirá ao decano.

Artigo 29. Tramitación da reforma do regulamento

O texto da proposta de reforma será enviado polo decano aos membros da Xunta de
Facultade, que disporá de quince días para presentar emendas.
Unha vez que transcorra este prazo, convocarase a Xunta de Facultade para aprobar ou
rexeitar a reforma que se propuxo. Á convocatoria xuntaranse as emendas que se
presentaren, as cales se someterán a debate e a votación.

Artigo 30. Aprobación da proposta de modificación do regulamento

Para a modificación do regulamento requirirase a súa aprobación pola maioría absoluta do
total dos membros da xunta e a súa posterior aprobación polo Consello de Goberno da
Universidade.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

ÚNICA. Período de adaptación das comisións de traballo

As comisións que existen na facultade, cando entre en vigor o presente regulamento,
extinguiranse no prazo máximo dun mes, e deberán conformarse e constituírse as novas
comisións de conformidade co que dispón este regulamento nese prazo.

DISPOSICIÓNS FINAIS

PRIMEIRA. Derrogatoria

Queda derrogado o anterior Regulamento de réxime interno do centro.

SEGUNDA. Entrada en vigor

O presente regulamento entrará en vigor o mesmo día en que o aprobe o Consello de
Goberno.