O Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña asinan un convenio para que oito titulados en Biblioteconomía e Documentación realicen prácticas remuneradas no arquivo e nas bibliotecas municipais

imaxe_3955.jpg

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Cultura, Educación e Universidade, ven de asinar un convenio coa Universidade da Coruña para que oito alumnos, titulados en Biblioteconomía, Documentación, ou Información e Documentación, realicen as súas prácticas profesionais remuneradas cunha bolsa de doce meses de duración nas tres bibliotecas (7 persoas) e no Arquivo Municipal de Ferrol (1 persoa).

O concelleiro de Educación e Universidade, Suso Basterrechea, daba conta do convenio asinado neste mes de decembro nunha rolda de prensa este mediodía coa vicedecana da UDC, Rocío Ameneiros. O importe total do convenio, asinado por dous anos e prorrogable a vontade das partes, ascende a 85.221,12 euros e a remuneración mensual de cada un dos bolseiros durante o ano de prácticas será de 850 euros.

A vicedecana salientaba hoxe o interese da Universidade en procurar a inserción dos titulados no seu ámbito profesional específico, abrindo o camiño de acceso ao mercado laboral, unha vez rematada a súa formación e agradeceu especialmente a “ocupación e a preocupación” por levar este convenio a porto que amosou, repetidamente, o concelleiro.

Mentres, pola súa banda, Basterrecha, facía hoxe fincapé na importancia de tecer redes entre a cidade e o seu campus, como “reencontro de Ferrol coa Universidade”, na aposta pola formación dos alumnos e por reforzar un servizo tan esencial como son as bibliotecas públicas.

Mais información: